Os soutos de castiñeiros do país (Castanea sativa) foron asolados pola enfermidade da tinta (provocada polo fungo Phytophtora cinamoni), que apareceu no século XVIII, penetrando o seu micelio polas raíces das árbores, deixándoas sen sabia e matándoas en pouco tempo. Esta enfermidade chegou desde Asia onde os castiñeiros (C. crenata e C. mollisima) se fixeron resistentes ao fungo.

Aquí, afecta especialmente aos castiñeiros situados en zonas con clima temperado e húmido polo que todos os soutos da Galiza atlántica  desapareceron no pasado século. Desde os anos 50 investigouse na produción de castiñeiros híbridos, una mestura (“mestizos”) entre os castiñeiros xaponeses e os nosos, obtida por polinizacións cruzadas entre árbores de ambas as dúas especies. Algunhas das plantas-nai obtidas eran moi resistentes á tinta, medraban igual ou máis que o castiñeiro do país (mentres o xaponés é moito máis pequeno) e producían unha castaña grande e de moi boa calidade. Dentro destes híbridos, procedentes da Misión Biolóxica de Galiza e do Centro de Investigacións de Lourizán, algúns viveiros galegos, como Hifas da Terra, escolleron aqueles con mellor calidade de castaña: grande, doada de pelar, doce, sen tabicar,… obtendo unhas “árbores-plus”, que medran máis, resisten á tinta e son produtoras directas de castaña (non precisan ser inxertadas).

Algúns destes híbridos empregáronse como patróns para inxertar sobre deles as variedades autóctonas de castaña galega (Famosa de Riós, Amarelante de Manzaneda, Judía de Tras-os-Montes, etc.) mantendo así este patrimonio xenético sobre un patrón resistente á tinta. Desde Hifas da Terra investigouse mediante un proxecto de I+D+i a posibilidade de micorrizar estas árbores con fungos coma o Boletus edulis, B. erythropus, B. pinnophillus ou a Russula virescens. Nestas micorrizacións demostrouse que se pode conseguir que as árbores produzan cogomelos moi valorados a nivel alimenticio.

Ademais acádanse múltiples funcións mediante esta asociación micorrícica: aumentar a absorción de auga e nutrientes na planta, protexer as árbores contra patóxenos radicais, facilitar a asimilación de macro e microelementos pola raíz, etc. O perfeccionamento das técnicas de micorrización amosou que non só serven para mellorar as plantas de viveiro, senón que permiten inocular fungos simbiontes de valor culinario (Boletus edulis, Lactarius deliciosus, etc.) sobre árbores existentes, fomentando así a produción de cogomelos nos montes galegos.

Grazas a estas novas técnicas, o castiñeiro pode chegar a ser unha das árbores máis rendíbeis na explotación agroforestal de Galiza, superando mesmo ao eucalipto en produtividade. Hifas da Terra realizou estudos co CIFA de Lourizán nos que se demostraba que unha plantación de castiñeiros híbridos micorrizados podía estar a plena produción de madeira e castaña e Boletus edulisa os 15 anos de plantación, a un marco de 7x7m (205 árbores/ha); obténdose uns rendementos de 3.000 kg de castaña, 200 kg de Boletus edulise un medrío entre 5-8 m3 de madeira por hectárea e ano. Isto suporía un ingreso neto de arredor dos 6.000 €/ha anuais (sen contar os custos de explotación).­

Como mostra, é interesante visitar as árbores que Hifas da Terra posúe no lugar de Portamuíños, en Bora (Pontevedra), no que cultiva castiñeiros e cogomelos ecolóxicos. Estes soutos e cultivos fixeron á empresa merecedora do 1º Premio ao “Embelecemento do medio rural de Galiza”, dada  a importancia dos soutos como elemento fundamental da nosa paisaxe e base da dieta, a arquitectura e cultura popular galega.

Grazas a estes híbridos micorrizados, producidos desde viveiros como Hifas da Terra, podemos seguir defendendo na Galiza atlántica que o castiñeiro siga sendo a nosa “árbore do pan”.

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

0
    0
    Carrito
    Tu carrito está vacioVolver a la tienda